ELOXIO DE XULIO FERREIRO

Eloxio de Xulio Ferreiro

Henrique Rabuñal 29.05.2019 | 21:38

A primeira vez que vin a Xulio foi no acto da Ribeira do Cómaro, aquel 22 de xullo de 2014. Daquel acto lembro a conmovedora disertación de Manolo Rivas sobre os alicerces rebeldes da cidade e a súa apelación a “unha marea solidaria de milleiros de dornas”. 37.000 nas eleccións de 2015. Grazas a Consuelo Bautista puiden seguir nun programa especial de Radio Coruña a toma de posesión de Xulio desde María Pita e sentín unha emoción grande ao ouvir os nomes dos amigos Luísa Villalta ou Lois Pereiro.

Nestes anos, e sen pertencer ao seu círculo máis íntimo, tiven o privilexio de partillar co alcalde Ferreiro moitos momentos, algúns tensos e complexos, outros calmos e amigábeis. Crin coñecer á persoa que precede ao político. Un tipo normal pero dotado dunha indiscutida capacidade de liderado, capaz de ler o contexto político e entregado con alta responsabilidade e demostrada competencia a unha das maxistraduras máis fermosas e relevantes da política galega: a alcaldía herculina.

Xulio é no seu espazo político e humano unha persoa querida e respectada. Cando viñan mal dadas era o primeiro en non botar leña ao lume e sempre exerceu como unha persoa cordial e próxima. Con sentidiño cascarilleiro. Ás veces tomando decisións nada doadas. Capaz coa súa presenza de elevar a categoría de actos e espazos aos que non soen acudir os alcaldes coruñeses.

Tivemos a sorte de coñecer e tratar a varios alcaldes da cidade. Para moitos de nós, Xulio será durante moito tempo o alcalde co que soñamos. Non é este o momento de facer balance da súa xestión, cos seus erros e cos seus acertos, nin de avaliar os motivos da derrota da súa formación política que conservou 25.000 electores.

A política son tamén emocións. O son da buguina de Manolo en 2015. Tantas cousas que ficarán no corazón e na memoria de moitas persoas. Nas últimas décadas temos lido e ouvido gabanzas dos alcaldes que o precederon. Seica facían obras máis faraónicas. Seica vestían gravatas de seda máis elegantes. Seica practicaban a política con máis vistosa enerxía. Nós facemos o eloxio de Xulio, un político que asume responsabilidades, que marcha coas mesmas mans limpas coas que chegou e que presidiu un goberno de maneira imprevisíbel sen o visto bo dos poderes de verdade.

Case nada do que fixo foi recoñecido e foi vítima dun relato tan simplificador coma inexacto que se pode repetir noutras cidades galegas e na Cochabamba boliviana. Gobernou insolitamente en minoría nun contexto moi difícil. Con moi poucos apoios. Non me estrañaría que algún día se lle recoñecesen os seus méritos como a Domingos Merino.

Ogallá a vida lle regale a Xulio unha recompensa á súa bonhomía, ao seu nulo sectarismo, ao xenio con que dirixiu plenos moi alterados. A esa emoción que o identifica como un ser normal, un profesor da UDC e un fiel seareiro do Dépor. Ese alcalde que algúns e algunhas sempre quixemos ter. E tivemos. Que deu o mellor de si pola cidade. Grazas por todo, grazas por tanto, alcalde!

(Publicado en La Opinión, o 29 de maio de 2019)

https://www.laopinioncoruna.es/opinion/2019/05/30/eloxio-xulio-ferreiro/1406630.html

Advertisements

A SEMANA DECISIVA

A semana decisiva

A entrada da Marea Atlántica en María Pita supuxo un pequeno tsunami para todos os actores políticos consolidados. O PP víase obrigado a abandonar o goberno en maioría e o propio alcalde Negreira deixou a política. O PSOE quedaba relegado a unha terceira posición logo de gobernar con varias maiorías absolutas. Para o BNG, a MA era un rival moi incómodo porque tamén entraba no seu espazo electoral.

Algúns poderes fácticos non tardaron en mostrar a súa contrariedade ao vérense privados da complicidade necesaria para seguir co seu sempiterno goberno na sombra. A súa pregunta sempre é a mesma: “e do noso que?”.

Había décadas que non se vivía na Coruña un goberno en minoría. Desde os tempos do vazquismo gobernouse con folgadas maiorías absolutas moi confortábeis para aprobar e executar orzamentos, para pactar con gobernos amigos en Madrid ou Compostela e idóneas para reducir a marxe de diálogo aos intereses do propio goberno.

O próximo domingo, os electores deberán tomar moitas decisións a nivel municipal. A máis relevante: a quen conceden a oportunidade de gobernar a cidade. A quen o fixo estes anos nas condicións sinaladas ou a quen se aferra á vaga vitoriosa de Pedro Sánchez que supuxo nas xerais de hai un mes unha sonora vitoria para o PSOE.

Nun proceso electoral todos os factores, obxectivos e subxectivos, contan. Non se pode negar nin a crise dos populares nin os bos ventos que acompañan a nave socialista. Á Marea Atlántica interésalle centrar o debate na escala municipal. Preséntase como un dos espazos cohesionados do universo das mareas, insiste nas concomitancias dos dous tradicionais partidos sistémicos e intenta visibilizar unha xestión pouco lucida e moi agochada por algúns medios.

O día 26 a cidadanía coruñesa será raíña e señora e terá toda a razón nas decisións que adopte. Non sabemos o que pesarán asuntos tan decisivos como Alcoa, Isowat, Ferroatlántica, nin a deslealdade padecida na cidade polas administracións galega e estatal. Canto cotizará resolver o Conde de Fenosa? Implantar unha Renda Social? Usar a lingua de noso? O domingo saberémolo.

(Publicado o 23 de maio de 2019 en

https://cadenaser.com/emisora/2019/05/23/radio_coruna/1558610497_619639.html)

 

30 anos de bibliotecas en Arteixo

30 anos de bibliotecas en Arteixo

Arredor dos libros agroma unha nova forma de cidadanía. A súa calor e a súa presenza son hoxe máis ca nunca antídotos contra a barbarie, vacinas contra o odio, dispositivos contra a ignorancia.

Hai agora trinta anos que se puxo en funcionamento a rede de bibliotecas municipais de Arteixo baixo a batuta sutil e incesante de José Luis Alonso Torreiro e un equipo de persoas que introduciron nas nosas vidas o libro como un artefacto vivo e lúdico que sabe convivir moi ben coas novas tecnoloxías, co cinema, coa prensa, coa educación e con todas as expresións.

O cineasta de orixe galega, Emilio Estévez, na súa película The Public fala dunha biblioteca pública que acolle durante un tempo de frío polar a un grupo de mendigos de Cincinnati. O Emilio recoñece que hoxe as bibliotecas son lugares onde recibir cursos, organizar clubes e termos acceso a libros, vídeos, películas e conexión a internet, que é a luz eléctrica do século XXI.

As nosas bibliotecas de Arteixo, do Froxel, de Oseiro, de Pastoriza e de Meicende son un investimento en esperanza. Son fogares que acollen cada ano a 50.000 persoas que tecen entre si novas relacións a conto do libro.

Pasei moitas horas da miña vida nas bibliotecas. Nunca un libro nos resulta indiferente. Cada volume é unha luz que nos protexe e unha porta que se abre. Hoxe aproveitamos para felicitar aos gañadores do premio de narrativa que se entrega en data tan sinalada. Para darlle as grazas a todos os traballadores das bibliotecas de Arteixo. Para ter unha lembranza para Dora Vázquez, Francisco Vidal, Miguel Sande e Antón Castro. Para enviarvos un abrazo a todos os socios e usuarios, a todas as socias e usuarias.

Como quere o Emilio Estévez, as bibliotecas públicas protéxennos. Sacan de nós o mellor. Agrandan a nosa ollada e a nosa capacidade de comprensión do mundo. Fannos mellores. Longa vida ás bibliotecas de Arteixo.

( Publicado o 13/5/2019  en https://cadenaser.com/emisora/2019/05/13/radio_coruna/1557737647_604195.html)

ANTONIO FRAGUAS

Antonio Fraguas

O Día das Letras Galegas 2019 recoñece o labor e a figura de Antonio Fraguas. Coñecémolo aló polo 1981 cando o trouxemos a Pastoriza (Arteixo) a impartir unha conferencia. Lembro que miña nai, conmovida polos moitos saberes de don Antonio, afirmara: “canto sabe este home”.

A biografía intelectual de Fraguas, como a de tantos compañeiros de xeración, está perfectamente estruturada en tres etapas. A etapa de formación que conclúe co levantamento militar do 36 e a guerra. O período franquista. E a andaina posterior a 1975. Nacido en Cotobade en 1905, estudou o bacharelato en Pontevedra e Filosofía e Letras na USC en Compostela onde se une ás Irmandades da Fala, ao Seminario de Estudos Galegos e ao Partido Galeguista.

Logo de exercer a docencia na Estrada, é separado do ensino público traballando de profesor nunha academia compostelá. Nos anos da ditadura intégrase no Padre Sarmiento e no Padroado Rosalía de Castro volvendo ao ensino público en 1950 sendo destinado a Lugo. Desde 1959 e até a súa xubilación en 1975 foi profesor no IES Rosalía de Castro en Compostela.

Xa xubilado desenvolveu unha prolífica actividade en boa parte ligada ao Museo do Pobo Galego do que foi director. Don Antonio morreu en 1999.

Desde os anos 20 e até os últimos da súa vida, Antonio Fraguas publicou centos de textos que son mostra do seu interese pola cultura popular, a etnografía, a historia ou a xeografía. Historiador de Lugo e de Compostela, biógrafo de Murguía e Celso Emilio, foi tamén un excelente divulgador das grandes figuras dos seus mestres da xeración Nós e dos seus compañeiros do grupo do Seminario.

Galiza é terra farta en homes e mulleres de cultura. Xentes que veñen do máis verdadeiro do noso ser, do máis humilde e que se entregan durante unha vida a servir e a entender o seu país, o noso país.

 

(www.radiocoruna.com, 17-IV-2019).

Votos galegos á esquerda do PSOE

Votos galegos á esquerda do PSOE

Unha das fragmentacións que se van producir o 28A é a que se sitúa nese espazo á esquerda do PSOE no que queremos centrar a nosa análise. Até 1993 ese voto, fundamentalmente nacionalista, non conseguiu representación no Congreso nin congregar máis de 60.000 votantes. Entre 1996 e 2011 o BNG logrou sentar a dous ou tres deputados no Congreso coa adhesión de entre 185.000 e 300.000 electores. Nas eleccións de 2015 e 2016, o BNG volveu ás cifras das primeiras eleccións democráticas e quedou sen representación en Madrid. Nese espazo, En Marea logrou un rexistro histórico de 408.000 votantes e chegou aos 6 deputados sendo a segunda forza máis votada por diante do PSOE, algo insólito na nosa historia política.

En todos estes anos, os votos das galegas e dos galegos foron primeiro á UCD, logo moi repartidos entre AP e o PSOE, máis tarde cun dominio clarísimo do PP, dominio minguante desde 2008. Como se presentan as eleccións do 28A nese espazo político á esquerda do PSOE? Pois á división entre o BNG e En Marea súmase agora unha nova división no seo de En Marea en dúas faccións. A iso debemos engadir que ANOVA, actor político importante, non concorre ás eleccións e que algunhas das mareas municipalistas máis potentes, como a propia Marea Atlántica, decidiron unha posición neutral. Entre as tres forzas políticas poderían mobilizar entre 400.000 e 475.000 votos aínda que é previsíbel unha fuga de votos ao propio PSOE como contención útil á ameaza das tres dereitas que se entenderon en Andalucía.

O grupo de Luís Villares, En Marea, é un grupo reducido en apoios, consecuencia dos procesos de goberno interno do espazo. Distanciado dalgunhas mareas locais e de parte do seu plural sustento inicial, conta coa adhesión de diversas mareas locais como as de Lugo ou Pontevedra. Usa a súa presenza e notoriedade no Parlamento galego para impulsar unha candidatura que se propón defender os intereses da maioría social, ese ben común que tamén figura no ADN das outras forzas rivais. E para facelo sen subordinación ás forzas políticas estatais.

En Común-Unidas Podemos é a outra facción do espazo que foi común. Liderada por deputados con gran proxección, congrega no seu interior a Equo, Esquerda Unida e principalmente un Podemos que segundo as enquisas está en serio declive. Tamén perdeu unha parte da fortaleza que posuía.

Pola súa banda, o BNG oferta unha voz propia en Madrid, non subordinada a partidos de obediencia española e apelando á súa xestión nos concellos que goberna, nas deputacións nas que cogoberna e cunha militancia moi fiel.

Moitas dúbidas e demasiadas alternativas para ocupar un espazo no que conflúen moitos discursos a respecto de diversas políticas: industrial, educativa, laboral, sanitaria, lingüística, feminista, ambiental… Os votantes poden ter en conta tamén outras variábeis. Por exemplo, como combater mellor a ameaza dun goberno reaccionario que tamén actuaría contra o noso benestar e a nosa identidade.

As eleccións do 28A son, sen dúbida, moi determinantes para o novo e incerto ciclo político. Coa cuestión catalá en primeiro plano. Unha posíbel nova recentralización e a adopción de medidas regresivas para as empobrecidas clases traballadoras. O electorado deste espazo creo que sería máis partidario de menos división e de que se lle ofrecese unha opción potente e sumativa para mobilizar centos de millares de votos e defender da mellor maneira posíbel os intereses do noso país nas Cortes do estado. Pero entre as necesidades do electorado e as ofertas dos partidos ás veces hai unha distancia preocupante.

En pouco máis de dúas semanas teremos os datos. O electorado porá a cadaquén no seu lugar para os próximos catro anos. E todos tiraremos consecuencias.

 

(Publicado en www.radiocoruna.com, 12-IV-2019).

Eleccións municipais na Coruña: a esquerda suma

Eleccións municipais na Coruña: a esquerda suma

A dous meses das eleccións municipais e nun ciclo político moi volátil van quedando insinuadas algunhas cousas a teor das tendencias que sinalan as enquisas.

A primeira é que como en 2015 os votantes do bloque progresista (MA+PSOE+BNG) terán nas súas mans o goberno da cidade acadando entre 16 e 18 concelleiros. Todos os prognósticos anuncian unha baixada de apoio electoral do PP que nin coa suma dos concelleiros que poidan conseguir outros partidos da dereita (Ciudadanos, por exemplo) permitiría un goberno encabezado por Beatriz Mato.

No campo da esquerda, e segundo as mesmas enquisas, a Marea Atlántica sería a forza máis votada cunha distancia variábel a respecto dos socialistas que se podería traducir até en tres concelleiros. O BNG podería incrementar os seus apoios e acadar os 2 edís. Sería previsíbel daquela un novo goberno presidido por Xulio Ferreiro cunha fórmula que dependerá dos propios resultados e das estratexias dos partidos.

Din os politólogos que as campañas electorais e mesmo nos últimos días son decisivas para mobilizar votos tamén no moi numeroso grupo das persoas indecisas. Coma sempre, prevese que a abstención gañe as eleccións (80.000 persoas en 2015).

Entrar en María Pita para quen non está tampouco será doado. Os aspirantes dan poucos sinais de vida (ou ningún) e non son percibidos como actores políticos relevantes. Ou non se sabe quen son ou non se sabe que propoñen para os grandes retos de cidade. O que si se intúe é a quen poden restar votos.

Nun momento político tan complexo, alérxico ás maiorías absolutas, as previsións no caso coruñés son, para nós, ilusionantes. No canto de recuar, a xente parece preferir un modelo de cidade que conquiste máis igualdade e máis benestar para a maioría. A solución definitiva, o 26 de maio.

 

(Publicado en http://www.radiocoruna.com, 25/III/2019)

BENVIDO, CAPITÁN MATO

Benvido, capitán Mato

Henrique Rabuñal

Viveiro é berce de grandes figuras no campo das artes e a política. Desde os irmáns Villar Ponte aos Pernas Cora, desde Maruxa Mallo ou Lois Tobío até os amigos Emilio Ínsua ou Carlos Nuevo sen esquecer ao Carlos Oroza e moito antes a Nicomedes-Pastor Díaz.

Hoxe Viveiro acolle a presentación da última obra literaria de Miguel Mato Fondo, Adeus, capitán Walton. Vaise producir unha comuñón entre a Costa da Morte e esta ría fermosa. No libro hai un río curmán do Landro e praias irmás da de Covas e bosques cuspidos ao Souto da Retorta.

A literatura de Miguel Mato nace nas profundidades da alma humana onde se albiscan os tecidos da identidade e da memoria. Nese olimpo que é fábrica de beleza e fermosa confusión das artes todas.

Adeus, capitán Walton é unha viaxe moi meditada á cerna das cousas, aos corredores opacos nos que agroma a auga sincera da palabra literaria. Nas súas páxinas vivirán para sempre mulleres libres, cultas e independentes que construíron a trabe que sostén o mundo. Mulleres que aman e que escriben, que se entregan xenerosas, que habitan casas coma estas que nos sorprenden en Viveiro.

Miguel Mato é un retratista de espazos e de emocións que nos fan viaxar desde a súa Ponteceso natal ás paisaxes africanas que amou Karen Blixen. Nesa controversia entre o real e o soñado, o autor asume a condición dun cronista dun mundo que desaparece, o do xuncal e o río, o da nenez e a mocidade con visitas estimulantes ao espazo urbano, ao universo do jazz e á literatura negra.

O libro que hoxe presentamos é un conxunto de cinco novelas matematicamente organizadas e resolvidas nun galego auténtico e eficaz que esixirá un esforzo aos lectores e lectoras que acharán recompensa. Historias que mostran o talento e o poderoso mundo interior dun escritor que coñece o oficio.

Hoxe Viveiro abre a Porta Maior á literatura. Como fai tantas veces. Acóllenos para celebrar un acto humanista que renovará a súa confianza na arte, na palabra, no ser humano. Lembramos os versos da vosa filla adoptiva, a nosa amiga mariñá Luz Pozo Garza. Fala neles da paisaxe, do clima e da identidade deste norte que nos abraza e que nos conmove. Ese mesmo norte que tamén atravesa as ficcións e os mellores soños do Miguel Mato Fondo. Benvido a Viveiro, capitán Mato.

 

(Publicado en La Voz de Galicia, edición da Mariña, o 16/III/2019).